11-04-2008

Constitución do Consello Asesor do Libro

Posteado por: Catuxa Seoane
Arquivado en: Xeral, Comisión de bibliotecas

Facémonos eco da constitución do Consello Asesor do Libro:

CONSELLO ASESOR DO LIBRO

 

O día 14 de marzo, ás 10, no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela constituíse o Consello Asesor do Libro.

ORDE DO DÍA

  1. Constitución
  2. Organización e funcionamento
  3. Informes da Presidencia sobre o desenvolvemento da Lei do Libro e a Lectura

Unha vez constituído o Consello, propuxeron a creación de grupos de traballo:

  1. Estratexias para a promoción do libro galego e da literatura galega no exterior
  2. Fomento do libro e da lectura
  3. Desenvolvemento normativo, estudos e informes
  4. Industria do Libro

Polo que dende as distintas asociacións sería necesario propor persoas dispostas a participar neles.

Creouse a Comisión Permanente, que estará formada por: Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Subdirectora Xeral de Creación e Difusión Cultural, 1 persoa de cada unha das outras administracións representadas no Consello, Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación dos/as escritores/as galegos/as, Alfonso García Sanmartín, en representación das editoriais galegas, Xaime Carlos del Corral Prieto, en representación das librerías galegas, Mª Luz Corral Uzal, en representación dos/as bibliotecarios/as galegos/as (ANABAD e AGABEL).

Informaron do Orzamento para o ano 2008 e das axudas e subvencións que convocaron, presentaron o novo portal da páxina web Praza das Letras, comunicaron que a partir de abril realizarían unha campaña publicitaria de promoción do libro e a lectura e que van realizar un Mapa de bibliotecas.

No referente a bibliotecas, que destinaron máis de 4 millóns de euros á dotación de fondos, formación de persoal, equipamento, promoción da lectura e informatización dos centros. Que están a desenvolver o Plan da Lectura que recolle diversas estratexias de apoio ás bibliotecas e que conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata o ano 2011.

Durante o ano 2007, a través do programa de promoción do libro en galego, procederon á adquisición con fondos propios de obras en galego. Esto completouse co convenio asinado entre a Consellaría de Cultura e o Ministerio de Cultura para a adquisición de fondos bibliográficos destinados ás bibliotecas. Entre as dúas subvencións achegáronse a case tres millóns de euros que permitiron mellorar e renovar os fondos das bibliotecas. Apoiaron a creación de Clubes de lectura, convocaron o programa Letras Vivas e Letras animación, levaron a cabo o programa Lendo Espero, a través do cal se instalaron puntos de lectura en centros de saúde.Iniciaron o programa de formación para bibliotecarios/as. Asinaron convenios de cofinanciamento en mobiliario cos concellos de Galiza e están dotando con equipos informáticos e acceso a internet.

07-06-2007

Lectura en Galicia

Posteado por: Catuxa Seoane
Arquivado en: Comisión de bibliotecas

A nosa presidenta, Isabel Blanco, participou o pasado 11 de Maio na Mesa polo Libro e a Lectura representando a Anabad Galicia, segun nos conta, o orde do día foi: 

1.- Informe sobre o desenvolvemento da Lei do Libro.
2.- Plan de Lectura.
3.- Decreto que regula o Consello Asesor do Libro.
4.- Rogos e preguntas.

  1. A Conselleira de Cultura leeu un informe sobre as actuacións que a Consellería levou a cabo nas bibliotecas e sobre as que pensa desenvolver nos vindeiros anos ao abrigo do Plan de Lectura. Os representantes da Dirección Xeral de Promoción Cultural quedaron en enviar un resume deste informe as Asociacións alí presentes co fin de difundilo entre os seus asociados.
  2. Aprobouse o Plan de Lectura que achego. ANABAD -Galicia aprobou o Plan, na liña de crítica constructiva que leva exercendo dende que se constituíu a Mesa e as Comisións, pero deixou de  manifesto que aprobaba o Plan polo valor do consenso entre todos os sectores pero que consideraba que o texto non tiña moita calidade e que en veces sucesivas se debería acadar máis calidade nos textos.
  3. Discutiuse sobre a composición do Consello Asesor do Libro que aparecía no borrador do decreto. Finalmente ante a situación de inferioridade dos representantes dos sectores relacionados co libro e a lectura que non teñen que ver coa cadea productiva do libro, acordouse que en vez da composición que aparecía no borrador do decreto, o decreto aprobaría dicindo: 8 representantes elexidos pola Mesa do Libro e da Lectura co fin de que a composición do Consello sexa máis equilibrada entre sectores con ánimo de lucro (editores, libreros, traductores, autores,etc.) e sectores sen ánimo de lucro (asociacións de bibliotecas e bibliotecarios).

 

Documentos:

22-02-2007

Comisión de bibliotecas

Posteado por: Catuxa Seoane
Arquivado en: Novas, Comisión de bibliotecas

Na última reunión da comisión de bibliotecas celebrada en Santiago de Compostela o día 8 de febreiro a nosa compañeira Isabel Buján, asistiu como representante de Anabad Galicia e nos informa dos puntos tratados:

Axudas para adquisición de fondos

    * a porcentaxe de cartos que se entregarán variará entre o 30 e o 60% do que se gastou, tendo en conta criterios como poboación atendida, nº de fondos, espazos bibliotecarios. Toda a información publicarase no portal de bibliotecas: o que gastaron os Concellos e as subvencións que lles toca.
    * En lugar de asinarse un convenio con cada un dos Concellos recurrirase a un proceso que combina a selección descentralizada e a adquisición centralizada da Xunta de Galicia. Esto supón que as bibliotecas realizarán a súa selección desde unha base de datos que recolla a producción editorial dos últimos catro anos, e a Xunta efectuará as compras na librería seleccionada pola biblioteca. Deste modo consíguese reducir os excesivos trámites que supoñería a firma de convenios con cada Concello.
    * O proceso realizarase no primeiro trimestre deste ano.

Axuda á edición

A Xunta, no seu apoio á edición do libro en galego, seguirá este ano co envío de lotes de libros ás bibliotecas. Cambiarán dúas cousas: efectuaranse as entregas de lotes en tres momentos, e procurarase que a súa entrega sexa próxima a aparición dos libros nas librerías.

Depósito legal

estase traballando nunha aplicación informática que permitirá a súa xestión automatizada vía web. Xenerase automáticamente unha base de datos que favorecerá o telepedido e a catalogación.

Informatización

    * O CAU está atendendo moitas dudas, e o 70 % da carga de traballo procede de bibliotecas escolares.
    * O metabuscador pode estar listo nun mes.
    * Neste momento hai cinco analistas traballando con Meiga para mellorar o programa.
    * A través do portal de bibliotecas accederase a Ocenet e a unha selección de recursos web.
    * Séguese traballando na web infantil.
    * Tamén se traballa nunha aplicación para envíar as estadísticas trimestrais e anuais a trevés do portal.

Formación

Xa está diseñado o calendario de cursos para este ano 2007, que comezarán no mes de marzo. A maior parte será presenciais, pero hai tres a distancia. Os cursos teñen un límite de prazas, polo que será necesario facer unha selección no caso de moita demanda. Os criterios que se seguirán serán: que ningunha persoa poda solicitar máis de tres cursos, e que se terá en conta a relación do curso co posto de traballo desenvolvido. Os cursos abranguen todo tipo de temas: formación da colección, xestión bibliotecaria, animación á lectura. Estes cursos engándense aos que se relizarán sobre Meiga.

ANABAD Galicia Avda. de Buenos Aires, 5, 1ºD 15004 - A Coruña Tfno. 881 889 008 / 661 709 823 e-mail: anabadgalicia@mundo-r.com