O fulgor e as tebras

25-08-2009 – 10:32

O Fulgor e as tebras: as bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil, é o título da obra de Francisco Xavier Redondo Abal publicado recentemente por Laiovento.
 
O autor, compañeiro na Biblioteca da USC,  trata de encher o baleiro historiográfico existente sobre esta temática estudando como se  crearon e como se destruíron Bibliotecas, tomando como referencia o sucedido en Galiza.

Este traballo tenta percorrer o labor fecundo que as autoridades republicanas realizaron no terreo bibliotecario, pero non só elas senón que dende comezos do século XX unha morea de agrupacións políticas, sindicais, ateneos e casinos recreativos instalaron nos seus locais bibliotecas abertas á poboación. E outro tanto fixeron as sociedades de instrución de alenmar coas súas escolas de emigrantes nas que se incidía na dotación de bibliotecas abertas ao público.

As autoridades republicanas do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes entenderon que só a socialización da lectura, até entón inexistente, permitiría asentar no Estado español un réxime democrático e de liberdades. E, en consecuencia, dedicaron inxentes esforzos á creación de bibliotecas que, por un lado, acabasen co secular desequilibrio entre campo e cidade, e por outro, posibilitasen a igualdade de oportunidades no acceso á lectura.

Fálase do fulgor que a II República acendeu nos campos da cultura e da educación mediante unha mestura de medidas lexislativas, inversións orzamentarias e moito empurrón colectivo e persoal. Un resplandor que buscou afanosamente sacar a España da incultura secular, do abandono educativo no que vivía, eliminando a profunda división entre o campo e a cidade. Un abismo vergoñento que até a chegada da II República ninguén se propuxo atallar, polo m enos dende o ámbito institucional.

E fálase, tamén, das tebras instaladas tras a treboada do 18 de xullo de 1936. Unha escuridade que comezou coa eliminación de todo o traballo lexislativo en materia de cultura e edicación posto en práctica polos gobernos republicanos, cando menos, até finais de 1933. Un panorama negro que, ademais, levou por diante vidas e proxectos culturais, públicos e privados, que tanto esforzo custara iniciar.

Durante os anos 32 e 34 o Padroado das Misións Pedagóxicas crea en todo o estado 3.151 bibliotecas escolares das que 405 corresponden á Galiza:

  • A Coruña: 79
  • Lugo: 48
  • Ourense: 123
  • Pontevedra: 155

(Aporta datos desglosados dos lugares onde foron creadas as bibliotecas. Non podo esquecer agradecer ao autor a cita sobre a biblioteca creada na miña parroquia da que descoñecía totalmente a súa existencia).

Estas bibliotecas foron dotadas por lotes bibliográficos seleccionados pola Junta de Intercambio y Adquisición de Libros (JIAL) cos seguintes criterios: preeminencia de autores do estado español, creación dun fondo literario con cla´sicos universais en edicións melloradas e coidadas; selección de libros máis representativos en cada materia; presenza mínima de obras de pasatempo, ao considerar as bibliotecas como centros de perfeccionamiento cultural; e, por último, o respecto ao lugar onde se atopa situada a biblioteca, procurando a presenza de bibliografía da contorna local ou comarcal. Tamén a música estivo presente mediante a dotación dun gramófono e colección de discos de música clásica e música tradicional.

Estamos a tempo de aproveitar os últimos días do verán para mergullarnos nesta obra que se le dunha tirada coa avidez de quen necesitamos referentes e información sobre a nosa realidade. Obra que nos permite coñecer o que nos puido deparar a historia se as cousas tivesen acontecido doutra maneira. Ao  mesmo tempo comprobamos como moitas das ideas lanzadas na Segunda República continuan a estar non só vixentes senón que aínda teñen que ser reivindicadas na sociedade actual.

 

 

  1. Unha resposta to “O fulgor e as tebras”

  2. Como vivimos nuns tempos nos que existe unha campaña mediática (a rúa penso que é outra cousa) pola cal se quere trasladar á sociedade a idea de que na II Republica os de esquerdas e os sindicalistas (anarcas cos seus centros de estudos sociais incluidos, que ten miga a cousa) eran uns santos, uns pacifistas como Gandhi, a súa revolución de 1934 parangonable á dos Caraveis, e á vez os de dereitas algo así como el demonio-el demonio, aproveito a ocasión para quen desexe saír desta dicotomía maniquea para recomendar a obra de José Ramón Hernández Figueiredo Destrucción del patrimonio religioso en la II República (1931-1936) a la luz de los informes inéditos del Archivo Secreto Vaticano que pon os pelos de punta e ven de publicarlle BAC neste mesmo ano (está ben de prezo que sale en 20€).

    O autor é ourensán, doutor en Historia eclesiástica pola Universidade Gregoriana de Roma, diplomado en arquivística pola Escola Vaticana de Paleografía… e crego. Tenta recuperar o que el denomina a “verdadeira memoria histórica” empregando fontes de primeira man, e abofé que ademais de dicir o que outros calan… barre para a súa casa, esquecendo que aínda que a dotación de culto e clero era misérrima, os cregos vivían moi ben, que non coñezo ningún que nesa época non tivera “criada”, cousa que non tiña a xente común que vivía na miseria mais escandalosa.

    Aínda que non tiven ocasión de ler a obra de Redondo Abal agradezo a anotación para mercala, como dubido moito que alguén me convenza que na Segunda República uns eran bos-boísimos e outros o demo, estou persuadido de que a non ser militantes dun estremo ou doutro para a maior parte da xente, a verdade vai estar a medio camiño entre unha obra e outra.

    Asemade, para saír desa dicotomía maniquea na que non hai nada aproveitable do Franquismo polo que atingue a arquivos e bibliotecas, deixo unha ligazón ao Boletín da Dirección General de Archivos y Bibliotecas conmemorativo dos denominados XXV anos de paz, no que o lector poderá peneirar a laboura desenvolvida polo réxime ate o ano 1969, que non me parece despreciable, e quen o dubide, que le bote unha ollada:

    http://tinyurl.com/nzhw7a

    Por Javier on Aug 25, 2009

Danos a túa opinión


Anti-spam measure: please retype the above text into the box provided.