Facémonos eco da constitución do Consello Asesor do Libro:
CONSELLO ASESOR DO LIBRO
O día 14 de marzo, ás 10, no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela constituíse o Consello Asesor do Libro.
ORDE DO DÍA
- Constitución
- Organización e funcionamento
- Informes da Presidencia sobre o desenvolvemento da Lei do Libro e a Lectura
Unha vez constituído o Consello, propuxeron a creación de grupos de traballo:
- Estratexias para a promoción do libro galego e da literatura galega no exterior
- Fomento do libro e da lectura
- Desenvolvemento normativo, estudos e informes
- Industria do Libro
Polo que dende as distintas asociacións sería necesario propor persoas dispostas a participar neles.
Creouse a Comisión Permanente, que estará formada por: Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Subdirectora Xeral de Creación e Difusión Cultural, 1 persoa de cada unha das outras administracións representadas no Consello, Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación dos/as escritores/as galegos/as, Alfonso García Sanmartín, en representación das editoriais galegas, Xaime Carlos del Corral Prieto, en representación das librerías galegas, Mª Luz Corral Uzal, en representación dos/as bibliotecarios/as galegos/as (ANABAD e AGABEL).
Informaron do Orzamento para o ano 2008 e das axudas e subvencións que convocaron, presentaron o novo portal da páxina web Praza das Letras, comunicaron que a partir de abril realizarían unha campaña publicitaria de promoción do libro e a lectura e que van realizar un Mapa de bibliotecas.
No referente a bibliotecas, que destinaron máis de 4 millóns de euros á dotación de fondos, formación de persoal, equipamento, promoción da lectura e informatización dos centros. Que están a desenvolver o Plan da Lectura que recolle diversas estratexias de apoio ás bibliotecas e que conta cun orzamento de 50 millóns de euros ata o ano 2011.
Durante o ano 2007, a través do programa de promoción do libro en galego, procederon á adquisición con fondos propios de obras en galego. Esto completouse co convenio asinado entre a Consellaría de Cultura e o Ministerio de Cultura para a adquisición de fondos bibliográficos destinados ás bibliotecas. Entre as dúas subvencións achegáronse a case tres millóns de euros que permitiron mellorar e renovar os fondos das bibliotecas. Apoiaron a creación de Clubes de lectura, convocaron o programa Letras Vivas e Letras animación, levaron a cabo o programa Lendo Espero, a través do cal se instalaron puntos de lectura en centros de saúde.Iniciaron o programa de formación para bibliotecarios/as. Asinaron convenios de cofinanciamento en mobiliario cos concellos de Galiza e están dotando con equipos informáticos e acceso a internet.