A biblioteca do Centro Oceanográfico de Vigo

19-06-2007 – 8:45

Por Uxía Tenreiro López, bibliotecaria no Centro Oceanográfico de Vigo

Hai xa case catro meses que tiven a sorte de empezar a traballar na biblioteca do Centro Oceanográfico de Vigo. Pero antes de falarvos do meu traballo alí, gustaríame poñervos en antecedentes. O Centro Oceanográfico de Vigo é un dos oito Centros que o Instituto Español de Oceanografía ten en toda a xeografía española e dedícase ó estudo multidisciplinar do mar e dos problemas derivados da explotación dos recursos e da contaminación. Xa é toda unha institución no ámbito da investigación mariña, pois este ano está celebrando o seu noventa aniversario (pdf). Está ubicado nun lugar de especial beleza, en Cabo Estai-Canido (Vigo), mirando ás Cíes.


Despois desta pequena introdución, xa podedes imaxinarvos que a misión da biblioteca é a de servir de apoio ós investigadores, para axudarlles a levar a cabo o seu labor científico, garantizándolles o acceso á información. Agora mesmo da súa xestión ocupámonos dúas persoas, que manexamos uns fondos (cerca de tres mil monografías, ademais das publicacións seriadas e o material multimedia) moi especializados, centrados no ámbito das ciencias do mar. Esta especialización condiciona o noso traballo, moi diferente ó que se leva a cabo noutras bibliotecas, pois aquí o importante é contar coa información máis actualizada, polo que as publicacións seriadas xogan un papel fundamental. Tamén son importantes outros elementos como bases de datos especializadas, índices de citas, boletíns de sumarios, factores de impacto, búsquedas bibliográficas, alertas… En xeral atendemos as demandas de información dos investigadores do centro, o que non implica que a biblioteca non estea tamén aberta a un público máis xeral, que pode consultar os nosos fondos no propio centro ou a través do noso catálogo web.

Con motivo do Ano da Ciencia están levándose a cabo unha morea de actividades no centro, polo que a biblioteca tamén decidiu sumarse e puxémonos mans á obra para organizar unha exposición dos nosos fondos, pois contamos con algunhas obras de gran valor, tanto pola súa antigüidade, como polas singularidades que presentan.

  1. 2 respuestas to “A biblioteca do Centro Oceanográfico de Vigo”

  2. Uxía, ¿para cando está prevista esa exposición que estades preparando?

    Por Catuxa on Jun 21, 2007

  3. Catuxa: está previsto que na primeira semana de setembro xa estea montada no Instituto e posteriormente trasladarase ó Museo do Mar, como unha máis das actividades que se van levar a cabo alí dentro da conmemoración do Ano da Ciencia

    Por Uxía on Jun 22, 2007

Danos a túa opinión


Anti-spam measure: please retype the above text into the box provided.